31 dic. 2010

Feliz 2011



Que este fermoso número primo nos traía un ano cheo de alegrías.

No blog doutra profe de Mate (Maribel) atopei estas curiosas propiedades do número 2011:

2011 é un nº primo, que acaba en 11 que tamén é un nº primo e que ademáis pódese escribir como suma de 11 números primos consecutivos da seguinte forma:

157+163+167+173+179+181+191+193+197+199+211= 2011

22 dic. 2010

85 000 números e só un gordo!!!

Ilusión versus matemáticas:
A probabilidade  de que un décimo sexa o gordo é 1/85000, así que pidamos que o azar nos sexa favorable, :)
Olga Julià, profesora de estatística da Universidade de Barcelona, explica no programa TRES14 de RTVE en que sorteo temos máis opción de ganar, podedes escoitala aqui.

16 dic. 2010

Por un bo uso do correo


Xa que imos usar as TIC, fagamos un bo uso delas. Poño unha serie de consellos para os correos electrónicos. A policía tamén dá uns consellos moi utiles para país, naís e alumnado sobre o uso de internet, podedes lelos aqui.

Na clase de inglés


Pouco a pouco iremos incorporándonos ao uso do ordenador na aula, un paso importante no ensino que supoño vai modificar o noso entorno didáctico. Aínda estamos no momento da emoción, dos axustes para a utilización, da formación do profesorado, da elaboración de normas de uso,... 
Esta foto collinna prestada do blog de 1ºESO B, foi sacada esta semana na clase de Marga.

14 dic. 2010

Paralelas

No end in sight (1939). Dorothea Lange

Dorothea Lange é unha das miñas fotógrafas preferidas, ela retratou coma ninguén a pobreza, a emigración e os longos camiños a ningures, xerados pola grande crise dos anos vinte e trinta en Estados Unidos.

13 dic. 2010

Premio á innovación educativa


A profesora do noso centro, Carmen Cid Manzano, obtivo o premio á Innovación Educativa polo traballo Ciencia en feminino. Este vídeo sobre a matemática Hipatia de Alejandría forma parte dese traballo. Noraboa.
Máis información

3 dic. 2010

Os conxuntos de Sidón

Cal é o maior tamaño dun conxunto de números, todos menores que unha cantidade dada, no que todas as sumas de dous elementos do conxunto dan resultados distintos? 
1, 2, 5, 10, 16, 23, 33,35 é un conxunto de Sidón.
1, 3, 7, 10, 17, 23, 28, 35 non é, xa que 1+23 = 7 + 17

O problema foi planteado polo matemático húngaro, Simón Sidon, ao entonces estudiante Paul Erdös que o resolveu  na metade do século XX.
 Quedou unha versión pendente de resolver, que se chamou o Problema dos Conxuntos xeneralizados de Sidon  Cal é o  tamaño máximo dun conxunto deste tipo se se permite que cada suma se repita, como moito, dúas veces? e tres veces? E n veces...?
 Dous matemáticos españois e un húngaro Javier Cilleruelo, Carlos Vinuesa e Imre Ruzsa resolveron este último  problema, planteado en 1932.
Para a resolución contaron con instrumentos ben fortes: a combinatoria, a álxebra, a probabilidade.
Os conxuntos de Sidón úsanse nos radares.
Mandoume a noticia por e-mail Carmen, Grazas.

1 dic. 2010

1.000.000 ou 1 000 000?

 A dúbida hai que resolvela coa lei, neste caso a lei de medidas, a última promulgada en España é un Real Decreto de Decembro de 2009, nela dín cousas ben interesantes, fago un resumo:

Os símbolos das unidades son entidades matemáticas e non abreviaturas. Polo tanto, non van seguidos dun punto. Non se escribe km., escríbese km, sen punto.

Non se permite empregar abreviaturas para os símbolos e nomes das unidades, como seg (por s ou segundo), mm cad. (por mm2 ou milímetro cadrado), cc (por cm3 ou centímetro cúbico).
O valor dunha magnitude exprésase como o produto dun número por unha unidade.
O valor numérico precede sempre a unidade e sempre se deixa un espazo entre o número e a unidade, por exemplo 20 m. As únicas excepcións a esta regra son os símbolos de unidade do grao, o minuto e o segundo de ángulo plano, °, ′ e ″, respectivamente, para os cales non se deixa espazo entre o valor numérico e o símbolo de unidade, por exemplo 20º.

O símbolo utilizado para separar a parte enteira da súa parte decimal denomínase «separador decimal». O símbolo do separador decimal é a coma, na propia liña de escritura. Se o número está comprendido entre +1 e −1, o separador decimal vai sempre precedido dun cero. Por exemplo 3,34.

Os números con moitas cifras pódense repartir en grupos de tres cifras separadas por un espazo, co fin de facilitar a lectura. Estes grupos non se separan nunca por puntos nin por comas. Por exemplo 1 000 000
Os símbolos dos prefixos escríbense en caracteres romanos (rectos), como os símbolos das unidades, independentemente do tipo de letra do texto adxacente, e únense aos símbolos das unidades sen deixar espazo entre o símbolo do prefixo e o da unidade. Con excepción de da (deca), h (hecto) e k (quilo), todos os símbolos de prefixos de múltiplos se escriben con maiúsculas e todos os símbolos de prefixos de submúltiplos se escriben con minúsculas.
Os nomes dos prefixos son inseparables dos nomes das unidades ás cales se unen. Así, por exemplo, milímetro, micropascal e meganewton escríbense nunha soa palabra. Os símbolos de prefixos compostos, é dicir, os símbolos de prefixos formados por xuxtaposición de dous ou máis símbolos de prefixos, non están permitidos.
 Agora, xa sabedes, a cumprir a lei, :).