24 mar. 2011

ás veces .. os xoves...



Para Manuela, Gloria, Pumares, Daniel, Iago.. e todos eses alumnos e alumnas que están tan atentos  e concentrados na aula que ata poden levantar a man para dicir "profe, creo que ese 4 vai mal, debe ser un 2", atopei hoxe este vídeo nun blog doutro profe que tamén "ten días", así que aqui volo poño, para facer unhas risas.
Sorte a todos e todas e que operedes ben no exame de mañá.

23 mar. 2011

Probas diagnóstico

datos respostas proba A de matemáticas


Os días  11 e 12 de Maio vanse  realizar de novo as probas para a avaliación de diagnóstico.
Este curso avaliaranse as competencias lingüística, matemática e de coñecemento e interacción co mundo físico.
Vou lembrar a anterior e única proba que se fixo en Galicia hai 2 anos para avaliar a competencia matemática en 2º de ESO.
A dificultade xeral da proba de matemáticas pódese ver nos informes de resultados, dos que extraio as táboas adxuntas onde código 0 é a porcentaxe de alumnado de todo Galicia que respondeu mal á pregunta. Escandalosos os resultados, hai preguntas cun 70% de alumnado que non a sabe responder correctamente, a maioría das preguntas son respondidas incorrectamente por máis da metade do alumnado de Galicia. Non traballamos as matemáticas nas aulas? ou traballámolas mal? ou a proba era un despropósito? eu inclínome pola terceira opción.
A proba deseñada (opción A, opción B) para avaliar a competencia matemática constaba de 21 exercicios  tipo test a realizar en 60 minutos sen calculadora. Menos de 3 minutos para cada cuestión, para ler, decidir o procedemento axeitado, buscar datos, operar e responder, e moverse (que o alumnado de 12 e 13 anos móvese), pouco, moi pouco tempo.
Un exame tipo test parece un pouco raro para diagnosticar a competencia matemática onde as resolucións gráficas e os procesos de razoamento teñen tanta importancia. Nesta proba só se valorou se o resultado é correcto, sen ningún tipo de matiz ou referencia ao procedemento seguido. Toda a proba de matemáticas baseouse principalmente na resolución de problemas, sobre todo de problemas de proporcións. Considero a resolución de problemas importantísima dentro das matemáticas, pero tamén é necesario ensinar ao alumnado a operar, a traballar as expresións alxébricas, a resolver ecuacións, a operar fraccións, a desenvolver a xeometría etc. pois doutra maneira faltaríanlle ferramentas imprescindibles para poder resolver desigualdades, trigonometría, problemas de optimización etc.  A resolución de problemas é só unha parte do curriculum de matemáticas. Aínda así entendo que a resolución de problemas é un mundo amplio e diverso e polo tanto se podían tocar desde ela moitos temas que entran no curriculum. O peso  dos exercicios de proporcións nas probas é esaxerado frente a outros temas do curriculum. Ademais, se o obxectivo é a resolución de problemas reais, deberían deixar utilizar calculadora na proba como solicitou AGAPEMA (Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática). Tampouco me gustou nada o contexto masculino dos exercicios da opción B: fútbol, triatlón e  incendios. 
AGAPEMA na  valoración desta proba. pediu que se melloren as seguintes, pois iso, esperemos que na proba deste curso impere o sentidiño e midan o que queren medir con probas axeitadas ao nivel, ao curriculum e as competencias básicas e, por soposto, que deixen utilizar a calculadora, paréceme un desfase ter ordenadores na aula e non poder usar calculadora nunha proba deste tipo.

21 mar. 2011

Concurso do xornal El País

Neste vídeo, Adolfo Quirós, profesor da Real Sociedad Matemática Española,  propón un problema matemático no xornal El País, se sabes a resposta podes mandala  antes das 00.00 do martes ao  correo problemamatematicas@elpais.es.
  Cada semana, ata completar as 30 que dura a promoción, proporanse novos desafíos. Entre os/as acertantes sortearase unha  colección completa de libros de matemáticas.
solución

19 mar. 2011

Medindo terremotos

Gráfico do diario El Mundo

Principalmente tómanse dúas medidas: MAGNITUDE E INTENSIDADE.
A magnitude é unha medida do tamaño do terremoto que se obtén cunha fórmula matemática aplicada aos datos obtidos nun sismógrafo. É un indicador da enerxía liberada e o seu valor é independente do procedemento físico-matemático usado para medilo e do punto onde se estea realizando a medida..
A escala na que se mide a magnitude é logarítmica. A escala da magnitude usada con frecuencia é a escala de Richter, actualmente úsase mais a escala do momento sísmico.
A intensidade é una medida do tamaño do terremoto baseada nos efectos que produce (persoas, obxectos, edificacións, terreos). A intensidade é diferente en cada lugar pois varía coa distancia ao epicentro do terremoto e coa magnitude do sismo. Existen varias escalas de intensidade, a máis coñecida é a escala M.S.K que ten 12 graos
              I.      Rexistrado só polos sismógrafos máis sensibles.
           II.      As estructuras e obxectos non o notan pero si poden notalo persoas en repouso.
         III.      Vibración comparable as provocadas por un camión pequeno.
        IV.      Vibracións moderadas comparadas as dun camión grande.
           V.      Algúns edificios sofren lixeiros danos.
        VI.      Ocasiona gretas solitarias no chan.
      VII.      Prodúcense pequenos corrementos de terra.
   VIII.      Prodúcense corrementos de terra e desprendemento de rochas.
        IX.      Gretas no chan e corrementos de terra xeneralizados.
           X.      Desprendementos de terra máis graves e xeneralizados.
        XI.      Risco de tsunamis.
      XII.      Construccións destruídas. Tsunamis.

15 mar. 2011

Ando Hiroshige

O mar frente a Satta
  na provincia de Suruga
Hiroshige, foi un dos máis grandes paisaxistas xaponeses, naceu en 1797 en Edo, nome antigo de Tokio.

Xunto con Hokusai forma parte dun movemento artístico , o Ukiyo-e, que influiu na pintura do século XIX e XX.

Nas súas estampas reflectiron as paisaxes e a vida no Xapón.

Unha das características deste movemento artístico é o realismo. Os dous debuxaron moitas obras nas que aparecen grandes olas.

A beleza das súas estampas lémbranos o poder da natureza, unhas veces para gozar dela, outras para sufrir as consecuencias da súa forza nas catástrofes.

Quentando motores para o rallye

J. Ramón Doval e o alumnado campión do Rallye 2007
O grupo de alumnos e alumnas de Matemáticas bilingües de 3º de ESO, capitaneados polo profesor J. Ramón Doval, participarán o próximo luns no Rallye matemático sen fronteiras, organizado por AGAPEMA.
   Un concurso que potencia o traballo en equipo e no que se traballan as  matemáticas máis creativas, imaxinativas e dinámicas. No curso 2007 un grupo do noso instituto foi campión de Galicia e participou na final Europea en Toulouse. 
Tamén esta semana participamos no Canguro Matemático, unha proba individual con problemas ben bonitos e interesantes.
Moito ánimo a todo alumnado participante nestas probas.

13 mar. 2011

Grande Shakira


Mandoume Carmen este enlace co discurso de Shakira sobre a importancia da educación, quédome coa frase de que a Afganistán hai que mandar 30 000 mestres en lugar de 30 000 soldados, pero podía escoller outras neste tremendo discurso.