31 may. 2011

Gran puntuación no Canguro Matemático


Dous alumnos do noso Instituto obtiveron unha magnífica clasificación no Canguro Matemático.
Miguel, de 1º ESO B, obtén o posto 15 entre 2712 participantes de todo España, Miguel tivo 109,5 puntos, foi a mellor puntuación do noso centro, a mellor puntuación dos participantes de Ourense de 1º de ESO e a 2ª dos participantes galegos de 1º de ESO.
Angelo,  de 1º ESO C, obtén o posto 37 entre 2712 participantes de todo España, Angelo tivo 102 puntos, a segunda mellor puntuación do noso centro.
Miguel e Angelo recibirán como premio un libro e un cheque-regalo  do Corte Inglés.
A terceira puntuación no noso centro foi para Florina de 1º ESO B.
Os meus parabéns a todos eles e aos demais participantes neste concurso tan divertido e difícil.

26 may. 2011

Sen tempo

Corrixindo, avaliando, decidindo, preparando materiais,..., así ando, sen tempo para o blog.
Deixo estas ilusións ópticas basadas nos movementos dos péndulos, preciosas coma case todas as deste canal de youtube.

6 may. 2011

Reparto electoral, reparto proporcional?

Hoxe empeza a campaña electoral, aquí na cidade temos que elixir 27 Concelleiros e Concelleiras, o reparto destes está relacionado co número de votos que obteña cada partido que se presenta, pero como se fai este reparto? é un reparto proporcional directo? ao dobre de votos corresponde dobre número de Concelleiros? pois non, non é un reparto proporcional aunque leve ese nome, nesta presentación explico como se fai o reparto de Concelleiros cos datos das últimas eleccións municipais de Ourense, as de hai 4 anos.
 
Nesta animación do xornal EL MUNDO, podedes ver un exemplo no que, aplicando a regra D' Hont, con menos do dobre de votos obtense o triplo de escanos. Chamar chámase proporcional pero as contas non saen, :)

2 may. 2011

12 000 000 de visitas nun canal de mate en Youtube

É Valenciano e chámase Juan Medina Molina, o seu canal en Youtube, juanmemol, ocupa a posición 18 entre os máis subscritos de Youtube en España en todas as categorías, tivo 12000000 de visitas, ten máis subscricións e visualizacións que a suma do resto dos canais das Universidades españolas. Así nolo contan no Noticieiro Matemático.
Como pode chegar un canal de matemáticas a estas cifras? As matemáticas son fáciles, se se entenden e se traballan despois de entendelas,  pero son imposibles e inabarcables cando non se entenden. Cando unha persoa non deu coa comprensión dos conceptos, as regras dos signos, os mcm, as parénteses, o poder quitar denominadores ou non, o poder elevar ao cadrado ou non, a existencia ou non dunha raíz, as operacións,  se é  logaritmo de seno ou o seno do logaritmo...., todo isto pode parecer un conxunto infinito de regras imposibles de rexistrar na cabeza e non confundilas en calquera momento, imposibles de lembrar. As  formas de chegar a esas matemáticas fáciles son varias: ter unha gran capacidade para a materia, traballar de forma autodidacta ata entender,.. ou ter bos profesores/as, precisamos de explicacións claras e non sempre os profesores/as sabemos explicar baixando ao nivel no que está o alumnado, tanto en vocabulario matemático como en notación  matemática ou en formación de conceptos como no nivel de madurez deses conceptos.
Aí aparece este canal, este profesor Juan Medina, do Departamento de Matemática Aplicada e Estatística da Universidade Politécnica de Cartaxena, explica as matemáticas moi ben, é moi claro, vai paso a paso, usa unha linguaxe sinxela,  e convértese así nunha axuda imprescindible para todo o alumnado que ten dificultade coa materia ou que perdeu unha clase ou unha explicación. Ademais ten unha colección de máis de 2000 vídeos que abarca practicamente toda a ESO e o Bacharelato. Un recurso imprescindible na rede e que moito profesorado usamos nos nosos blogs. No seu canal podedes ler o agradecemento do alumnado ao que axuda, aqui o meu tamén por darnos este recurso.