17 jun 2011

Recortes en educación



A min páganme por dar clases de matemáticas ao alumnado (18 h semanais). Dar clases, para quen non o sepa, consiste en manter en orde (que non se levanten, que non falen, que escoiten, que traian o material de traballo,....)  uns 20 ou 30 alumnos/as, facelos traballar, explicarlles o que non saben e conseguir que o entendan e o estuden. Tamén me pagan por explicar dudas nos recreos ou ao rematar ás clases, por coidar aos de ESO nos recreos, por separalos se pelexan, por dicirlles como se coida o común, por inculcar que respeten o mobiliario, por atendelos cando falta algún profe por enfermidade ou outro motivo,  por levalos de excursión,  por levalos a ver moitas cousas moi interesantes como depuradoras, centrais eléctricas, cine, teatro,.. por participar con eles en actividades tipo concursos, actuacións,..., que normalmente preparamos ás tardes, por ir velos a competicións deportivas ou actuacións,  por falar cos pais, por xestionar as faltas dos alumnos, por emitir informes, por contactar ás veces con outras administracións (menores, sanidade), por instruír expedientes a alumnos, por reunirme co resto de profesores para tentar resolver problemas que xorden no día a día. A primeira actividade son 18 horas á semana, todas as demais cada quen que aproxime cantas poden ser.
A maiores na miña casa planifico e preparo as clases, corrixo cadernos, corrixo exames e traballos,  avalío aos alumnos e alumnas, manteño este blog actualizado e con actividades para eles. Tamén fago cursos, ás tardes,  para tentar mellorar a miña actividade profesional. Este curso tocou introducir os ordenadores nas aulas e fíxose co voluntariado de moitos profesores coma min.
Ademais teño 4 días libres ao curso por asuntos persoais que non collo para que o alumnado non quede sen clases e non cargar aos meus compañeiros coas miñas horas.
Eu remato agotada, non podo facer máis do que fago.
Este curso baixáronme o salario.
Agora o Conselleiro fala de que para mellorar o ensino teño que dar máis horas de clase. Inxenua de min que pensaba que eu melloraba moito o ensino con todas as outras actividades que fago día a día, resulta que non, que o ensino só mellora se a administración me apreta máis e me exprime, e xa de paso aforra un par de salarios de profes da pública para darllos á privada.

1 comentario:

Xosé Antón dijo...

Canta razón tes, unha aperta e que teñas unhas boas vacacións de verán, que setembro vai vir quente.