31 ene. 2012

Anamorfose

A anamorfose é unha técnica de distorsión que usando a perspectiva produce unha ilusión óptica ou unha deformación da imaxe, imaxe que pode ser reconstruida co uso dun espello, dun cilindro ou escollendo un punto de vista axeitado. O primeiro en usar esta técnica foi Leonardo da Vinci. Nos séculos XVI e XVII chegou a estudiarse nos manuais de debuxo. Na actualidade úsana moitos artistas no Street Art en 3D.
anamorfose cilíndrica de Istvan Orostz
Anamorfose de Julian Beever
Anamorfose de Julian Beever
Neste vídeo podedes ver como se realiza.


24 ene. 2012

Xeometría analítica

No tema que estamos dando en 1º de Bacharelato andamos entre rectas, parábolas, circunferencias, hipérboles e elipses coas súas respectivas ecuacións, unha unión perfecta entre álxebra e xeometría que nos permite resolver un mundo de problemas reais. Xeometría analítica é o nome que recibe esta parte da matemáticas.

A xeometría analítica no espacio ponlle ecuación a estas fermosas figuras xeométricas tan cotidianas.
Torus
(x2+y2+z2+R2-r2)2 = R2(x2+y2

 
Calyx
x2+y2z3 = z4

Diabolo
x2 = (y 2+ z2)2
Twilight
(z3-2)2 +(x2+y2-3)3 =0
As fotos son desta páxina, onde podedes ver moitas máis figuras co seu nome a as súas ecuacións.

12 ene. 2012

Quentando motores para o entroido


A próxima semana imos ter unha reunión de delegad@s e subdelegad@s de curso para preparar o entroido. Como nos últimos cursos, esperamos a vosa participación tanto no desfile como na organización. Necesitamos presentadores, DJs, alguén que grave as actuacións, alguén que faga o power point, xurado e , sobre todo, necesitamos xente con marcha e atrevemento, nada que non teñamos dabondo neste centro, :)
Déixovos dous vídeos lembrando as excelentes actuacións e disfraces do entroido de 2011.

10 ene. 2012

2012, centenario do nacemento de Alan Turing



Este interesante documental "Dangerous Knowledge" da BBC, cóntanos a dramática vida de catro matemáticos: George Cantor, Ludwig Boltzmann, Kurt Gödel e Alan Turing. Todos eles con finais bastante tráxicos.
O documental dura 80 minutos, para os que nos gustan as mates non se fai longo, hai partes no documental que trata temas da matemática superior: completitude, hipótese do continuo,...que se escapan do nivel do ensino secundario, pero aínda así ten interese para calquer alumno/a de bacharelato que guste desta materia pois moitos conceptos anque non se entendan pódense intuír.
De Alan Turing xa temos falado neste blog, gustoume moito neste documental  (sobre o minuto 20 da segunda parte) como trata a Turing, a grande divagación sobre o home, a máquina, a hipocrisía, ... O documental é de 2007, fíxose antes de que o goberno británico pedira perdón polo xuízo e sentenza que condenou a Turing por ser homosexual..
Este ano celébrase o centenario do nacemento de Alan Turing, faremos pois un seguimento das moitas actividades que haberá entorno a este matemático tan interesante.

Nesta primeira entrada do ano, desexarvos que teñades un estupendo 2012 e en homenaxe a Turing desexar tamén que o mundo sexa menos hipócrita.