24 mar. 2012

Números na prensa

"Periodismo con números para gente de letras" é o título desta amena e interesante conferencia de Josu Menzo, profesor na Universidade de Castilla-La Mancha. A conferencia é do 9 de febreiro de 2012 e formou parte dunha actividade de Medialab-Prado (Concello de Madrid) sobre formación en xornalismo de datos, dura unha hora pero non ten desperdicio. Excelente profesor que nos deixa este documento no que ademais de poñernos en alerta ante os datos que nos invaden a diario tamén nos explica estatística básica.
Menzo no seu blog  Malaprensa fai unha análise crítica da prensa española, mostrando noticias con números equivocados, gráficos incorrectos, erros lóxicos ou conceptuais, mala interpretación de estatísticas...

22 mar. 2012

Estudantes fartos e sen futuro?


Dous vídeos de dúas organizacións de estudantes que teñen presenza en Ourense, a Liga estudantil galega e Estudantes sen futuro. Nomes ben acaídos para estes tempos que nos toca vivir, tempos nos que se está abrindo unha brecha social na que os ricos van sendo máis ricos e os pobres máis pobres. 
Tamén as matemáticas serven para medir as desigualdades sociais. Para elo usa varios indicadores.
O índice Gini, ideado polo estatístico italiano Corrado Gini é un indicador que mide a cohesión social.  O índice varía de 0 a 1. Canto maior sexa este coeficiente maior é a desigualdade social. O Eurostat, organismo estatístico da Unión Europea é o encargado de publicar periodicamente o índice de Gini.
Nos  últimos datos publicados vemos que en España o coeficiente Gini multiplicado por cen, para facilitar a comparación, pasa de 30,7 en  2004 a 33,9 en 2010, máis de tres puntos de aumento. Ademais no ano 2010 ocupamos o posto terceiro pola cola dos 27 países da Unión europea, só en Lituania e Letonia hai máis desigualdade que en España, a media europea está en 30,5. O coeficiente Gini de Galicia no 2010 é 27,8 menor que en España pero tamén subiu lixeiramente nos últimos anos.
Outro indicador usado para medir a cohesión social é a ratio S80/S20, este calcula o cociente do rendemento total recibido polo 20% da poboación con maior renda (encima do percentil 80) e o recibido polo 20% da poboación con menor renda (baixo o percentil 20). Polo tanto, canto maior é o índice maior é a diferenza entre os ricos e o pobres. Tampouco este indicador é esperanzador, nos últimos datos de Eurostat, España pasa de 5,1 en 2004 a 6,9 en 2010, sendo a media europea 5 e só Letonia nos iguala, ou sexa que se mire o índice que se mire, neste país que vivimos, os ricos van a mellor. A ratio s80/s20 galega no ano 2010 é 4,2 moi inferior a media estatal e a media europea pero tamén subiu unha décima ou dúas se comparamos cos anos 2006  ou 2008 respectivamente.
Hai outros indicadores que miden a cohesión social como o limiar da pobreza, taxa de risco de pobreza etc, os datos de Galicia téndelos nesta páxina do IGE. A nosa comunidade ten mellores cifras que España, afortunadamente.
É moi difícil admitir que esta suposta crise na que nos meteron os supostos mercados serva para que xente se enriqueza mentres a outros os mandan ao paro, a outros nos ameazan con recortes, baixadas de salarios ou nos insultan desde os ministerios poñendo en dúbida a nosa profesionalidade e incluso chegando a dicir que traballamos pouco. Vivir para ver.
Ogallá estes estudantes sen futuro teñan criterio propio, forza e capacidade para construír un futuro e  para non perder, como ben din eles nos vídeos, os dereitos conquistados nunha longa historia dos traballadores.

14 mar. 2012

Inspirations


Cristobal Vila escribe na web da súa empresa Etérea estudios "Por fin mi nueva animación “Inspirations” está terminada. Un corto inspirado en trabajos de Escher, y una visión libre sobre cómo podría ser su estudio. Espero que os guste :-)".
Pois si,  gústanos moito, Nature by numbers deixou o listón moi alto pero esta nova creación tamén é impresionante.
Se queres coñecer con máis detalle as matemáticas que hai nesta curta podes consultalo aqui.

8 mar. 2012

mulleres

"O poeta debe ser capaz de ver o que os demais non ven, debe ver máis profundamente. E o matemático debe facer o mesmo." Sofia Kovalévskaya
Sen dúbida a mellor serie sobre matemáticas feita en España foi universo matemático de Antonio Perez para TVE. Este capítulo que vos poño "Mujeres matemáticas" é un dos meus preferidos. De non ser por aportacións como esta, seguiriamos pensando que só houbo homes na matemática. 
No ensino secundario falamos de Thales, Pitágoras, Cramer, Rouche, Frobenius, Sarrus, Gauss, Barrow, Bolzano, Newton, Neper, Ruffini, Tartaglia, Weierstrass, L`Hopital, Euler, ... Non hai mulleres matemáticas na historia? hainas, pero poucas en proporción aos homes. Algo terá que ver o conxunto de barreiras sociais e culturais que atoparon as mulleres desde os tempos máis remotos. Por dicir algunhas: as crenzas de que as mulleres non tiñan talento científico (Kant chegaba a dicir que era tan posible que unha muller tivese barba como que sentise preocupación pola xeometría; o matemático De Morgan consideraba as mulleres débiles e sen preparación física para actividades científicas), as dificultades que tiveron para obter unha educación matemática (nin sequera podían ir a universidade) e por suposto as tarefas que tiñan e aínda teñen encomendadas as mulleres (cociñar, limpar, educar aos fillos, coidar, administrar...)

Teano, Hypatia, Agnesi, Ada Byron, Sophie Germain, Sofia Kovalévskaya, Marquesa De Chatelet, Emmy Noether, Carolina Herschel, Mary Somerville, Grace Hopper, Mary Everest Boole, Florence Nightingale.... Ao mellor aínda hai quen pensa que non son coñecidas porque o que fixeron non é importante, mirade o vídeo e opinade, e tende en conta que igual que o binomio de Newton ten nome tamén o diagrama de sectores podería chamarse diagrama de Nigtingale, por poñer un exemplo sinxelo.

6 mar. 2012

Ou un ou o outro

Cóntame Blanca, a profe de música, que hai un debate na rede sobre cal destas calculadoras calcula ben. Parece que no debate van moi igualados, hai tantos a favor dunha como a favor da outra. Eu, de momento, vou dicindo que un dos resultados está mal, ou vale 1 ou vale 9, non hai outra !!! Podedes opinar, :)

5 mar. 2012

Espiral

“Bibliothèque pour enfants, Clamart, France”, Martine Franck, 1965
Martine Franck, naceu en Holanda en 1938, traballou como fotógrafa independente para revistas e xornais como Vogue, Life,  New York Times. Forma parte da axencia Magnum. Estivo casada con  Henri Cartier-Bresson. Preciosa espiral.

2 mar. 2012

Sen perdón para Turing

Foto de Sascha Brossmann Turing Tables Museo de las Ciencias Principe Felipe
Turing foi acusado de grave indecencia en 1952 e foi condenado. Tivo que elixir entre ir ao cárcere ou someterse a un tratamento químico de castración. Optou polo tratamento, con graves consecuencias  para a súa saúde e para o seu corpo. Rematou suicidándose en 1954 aos 42 anos.
O delito que o levou a este tráxico final foi ser e recoñecer a súa homosexualidade.
En 2009, tras unha campaña en internet, o primeiro ministro británico desculpouse publicamente polo trato dado a Turing.
Este ano celébrase o centenario do nacemento de Turing, o mundo científico recoñecerá sen dúbida, nas diferentes homenaxes, o que o mundo actual lle debe a este home, pai da computación, matemático e científico que serviu a Europa na súa guerra contra o nazismo.
Neste contexto, houbo unha nova petición ao goberno británico solicitando o indulto a Turing. Pois non, non hai tal indulto, hai un mes o parlamento británico dixo que non procede o indulto, xa que daquela a homosexualidade era delito e Turing non cumpriu a lei. Evidentemente esa era a lei, a lei equivocada, a lei inxusta, a lei feita por un parlamento hipócrita e retrogrado. A responsabilidade de ter feito dita lei é dos políticos daquel momento, moitos deles non poden pedir perdón, pero si procede que a institución, o parlamento actual, recoñeza toda esa inxusticia legal indultando aos condenados por aquela lei. Non facelo é impresentable. Unha vez máis, atopamos unha lea de desculpas que ocultan tras de si que hai un sector social e político que non admite o dereito a ser homosexual, as veces din que si forzados polo "politicamente correcto"  pero no fondo nunca admitirán ese dereito á liberdade  sexual da persoa. Esa é a súa opcíón, non admitir dereitos básicos das persoas, pero que non busquen desculpas, non perdonan a Turing porque siguen considerando "pecado" ou "indecente" a homosexualidade e punto pelota.
Noticia no xornal Público 
PD: esta entrada fixenna coa axuda de JJ, profe de mates e blogueiro que fai que a rede sexa este estupendo espazo no que compartir é a opción,  e que sabe o que me gusta Turing,  grazas