27 sept. 2012

Contas para a crise II


Paul Borons, fixo unha serie de vídeos para explicar conceptos da crise económica,  el mantén que son ben sinxelos pero que a calculofobia fai que os cidadáns nin sequera se plantexen entendelos. Se os vedes descubriredes que non lles falta humor, moi negro, pero humor ao fin.
Chamoume moito a atención título da serie "Odio las mates", evidentemente Paul Borons non as odia, pero ás veces os que dominamos as sumas, restas, multiplicacións e divisións, sentimos unha rabia enorme cando nos toman o pelo e ironicamente culpabiliza ás mates desa rabia.

24 sept. 2012

Graffiti e mates

foto do concurso graffiti e mates 2010

Na comunidade de Madrid xa van pola 4ª edición dun concurso de graffiti e mates, organizado polo Instituto de Ciencias Matemáticas, o Real Xardín Botánico e a área de Cultura Científica do CSIC.
Esta imaxe pertence ao concurso de 2010, é unha parte da obra colectiva de seis alumnos e unha alumna de varios IES de Madrid, a nada que miremos con atención vemos a fórmula da ecuación de 2º grao, vemos unha figura imposible coa palabra mates ao estilo das de Escher, vemos os termos dunha matriz na páxina do libro, o cono de Apolonio, unha árbore fractal,.... 
Non podemos participar, pois só é para o alumnado de Madrid, pero como vedes o mundo das relacións é infinito e aquí atopamos unha ben rara: o graffiti e as mates.

21 sept. 2012

Contas para a crise

Luis Davila
Xenial Davila, podedes velo no seu blog OBichero

19 sept. 2012

Hai que ir indo!

Carlotta Ferlito


Comezamos un novo curso, tras unhas merecidas vacacións nas que vimos ángulos dunha extraordinaria beleza e dunha dificultade estrema.
Afortunadamente as matemáticas son moitísimo máis fáciles e nalgúns casos tamén ben bonitas, recoñezo que é difícil atopar a beleza nas operacións con polinomios (habela, haina), pero atópase sen problema no estudio da posición de rectas e planos, no estudio de toda a xeometría, das funcións, da estatística, ....
Deséxovos que atopedes alomenos unha parte da beleza desta materia, que vos resulte doada e poidades aprender e aprobar. 
Que teñades un bo curso!