21 dic. 2012

Felices festas

Patty Posío é o nome que escolleu a nosa Patricia, aquela que nos puxo os pelos de punta cando en 1º de ESO interpretou  Negra sombra diante do presidente da Xunta, acabo de descubrir que ten un canal en youtube, supoño que para abrirse camiño no mundo da canción, Patricia ten compartido escenario con Xurxo Souto, con Manu Tenorio, asi que, que mellor que irnos de vacacións ouvindo unha das súas interpretacións. Sorte Patricia nesa andaina. Felices festas e sobre todo feliz 2013 a todos e todas!

18 dic. 2012

III Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos

A Sociedade Galega para a promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO) convoca o III Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos.
Concederase un premio en cada unha das seguintes categorías:
Categoría A: Primeiro ciclo de ESO (cursos 1º e 2º).
Categoría B: Segundo ciclo de ESO (cursos 3º e 4º).
Categoría educaBarrié: Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio (tema relacionado coa economía).
Inscrición: 10 decembro ao 15 de xaneiro de 2013.
Envío de traballos: de 1 ao 15 de abril de 2013
Premio: material informático para os estudantes que fagan o mellor traballo.
Podedes ler as bases completas aqui.
O curso pasado gañamos a fase galega na categoría de primeiro ciclo de ESO con este traballo realizado por Marinha, Xiana e Irene.
Na categoría segundo ciclo de ESO gañaron alumnos do IES Mugardos dirixidos por Covadonga Rodríguez-Moldes co traballo Un dilema para o consumidor: cal é o mellor tamaño para mercar ameixas?
Na categoría de Bacharelato gañaron alumnos do IES "Fernando Wirtz Suárez" (A Coruña) dirixidos por Quique Pujales e foron os que gañaron posteriormente a fase española co traballo Existe o cine de autor?; por segundo ano consecutivo un traballo de alumnos galegos gaña a fase estatal do concurso, unha boa noticia para a estatística na nosa comunidade.

14 dic. 2012

Números bonitos, feos e horribles, :)

O xornal El País xunto coa RSME organiza un novo concurso, neste caso ligado á lotería de Nadal, entre os  acertantes sortearanse libros matemáticos.

O problema a resolver é atopar cantos números bonitos hai entre os que entran no bombo do sorteo de Nadal, ou sexa entre os cen mil números que van do 00000 ao 99999.
Para que o criterio de bonito ou feo non sexa subxectivo, defínese  número bonito  ao que cumpre exactamente unha, e só  unha, destas tres condicións:
  • a) é  divisible entre 5,
  • b) dá resto 2 ao dividilo entre 7,
  • c) a suma das súas cifras é divisible entre 9.
Non se pode usar nen calculadora nen ordenador para resolvelo,  as solucións hai que mandalas a problemamatematicas@gmail.com    antes das 00.00 horas do sábado 22 de decembro.

Divertido e bonito enunciado. Claro  que habería que definir que é un problema bonito e divertido,:)

11 dic. 2012

A vida de Pi

Piscine Molitor Patel, un neno que estaba farto de que na escola se burlaran del usando o apodo "Pissing Patel",  atopou no número "Pi" a forma de escapar destas mofas e mudar o seu nome por Pi. Con este guiño matemático empeza a historia  baseada na novela de Yann Martel e levada ao cine por Ang Lee. O contido matemático na película é unha escena dun neno enchendo máis dun encerado escribindo as cifras de p ante o asombro dos seus compañeiros e dos mestres. Fabulosa, como fabulosa é o resto da película, un conto entrañable.
Coñécense 10 billóns de cifras decimais do número p, pero isto non sempre foi así, na súa historia p foi medrando nos seus infinitos decimais, mirade algúns datos curiosos sobre p e valores que lle asignaron, algúns ben errados.

na Biblia asignaselle o valor 3
en Egipto no  2000 AC 3.1605
En China no 1200 A.C. 3
Arquimedes no 300 AC 3.14163
Ptolomeo no 200 AC. 377/120 = 3.14166...
Chung Huing no 300 AC. raíz cadrada de 10
Tsu Chung-Chi no 500 A.C. 3.1415926<Pi<3.1415929
Fibonacci en 1220 3.141818
Ludolph van Ceulen en 1596 35 decimai
Lambert en 1766  Pi irracional
Richter en 1855 500 decimai
Ferguson en 1947 808 decimais
IBM 7090 en 1961 100.000 decimais
Univ. de Tokio en 1995 4.294.960.000 decimais
Shigeru Kondo e Alexander J. Yee en 2011 10 billóns de decimais