24 abr. 2013

Exames II

Con esta foto de FOTOMAT, o excelente blog de fotografía matemática, vou facer unha pequena reflexión sobre o de copiar nos exames de mates.
Eu son das que vixían pouco nos exames, abúrreme facelo e prefiro aproveitar esa hora para preparar materia ou mesmo para corrixir outros exames. Polo tanto é posible que algún alumno aprobe copiando, sempre hai excepcións!
En xeral, é dificilísimo aprobar copiando, pois onde é un 3 vas copiar un 8 porque non entendes a letra do compañeiro ou a túa, e onde pon alfa vas poñer unha a co que perde sentido o exercicio, onde pon unha barras de valor absoluto vas copiar un corchete, .....a nada que cambiemos un número, unha letra, un símbolo, perde sentido o que escribimos. Tendes ademais outro problema, se copias dun alumno que operou mal, vaise saber que copiaches, pois é improbable que dous alumnos teñan o mesmo erro. Sei de alumnos que teñen copiado a teoría e teñen un cero na pregunta por ser absurdo e sen sentido o que escriben.
É moi difícil copiar o que non se entende,  e se se entende, para que copiar? se se entende en vez de chuleta faite un bo esquema como di nesta foto  e estudia,  prepara o exame e logo espábilate en facelo o mellor posible, lembra estes pequenos consellos,  aos que imos engadir as palabras de Einstein "faino simple, tan simple como sexa posible, non máis"

18 abr. 2013

Olimpíada matemática 2ª ESO

Mañá venres 19 de abril ás 10h 30` celébrase a olimpíada matemática de 2º de ESO en todo Galicia. A proba consiste na resolución individual de cinco problemas, ás veces algo difíciles pero sempre moi divertidos e interesantes.
Un ano máis, a asociación galega de profesorado de matemáticas, AGAPEMA, organiza dita proba. Aquí tendes a lista de centros participantes. 

Do noso centro van a olimpíada 6 alumnos e alumnas de 2º de ESO: Marinha, Iria, Belén, Carlos, Manuel e Unai, a todos eles lles gustan as matemáticas e a todos eles se lles dan moi ben, así que sorte mañá.

Mon dieu ! C'est l'arithmétique



Mon dieu ! C'est l'arithmétique é a frase que dí o neno protagonista da ópera "O neno e os sortilexios" con música de Ravel e libreto de Colette. 
Na escena, un neno é castigado pola súa nai a facer os deberes, o neno queda só na habitación e enfadado rompe obxectos e maltrata aos animais. Os animais e os obxectos inician unha revolta contra a súa maldade e empezan a moverse atemorizándoo,  unha princesa sae dun libro que rompeu rifándolle polo seu comportamento e logo sae un vello propoñéndolle problemas de matemáticas ( de trens, de billas,...), é a aritmética!. No xardín os animais tamén se volven contra o neno ata que este recupera a bondade coidando a un esquío, daquela o neno esperta de novo no mundo real chamando pola súa nai. 
Aquí tendes dúas versións, unha en danza e outra en banda deseñada, da escena do vello aritmético cos seus problemas,


O VELLO: Dúas billas de auga botan nun tanque! Dous ómnibus deixan unha estación con vinte minutos de intervalo, valo, valo, valo! Unha campesiña, siña, siña, siña, leva todos os seus ovos ao mercado! Un mercador de telas, telas, telas, telas, vende seis metros de trapo! 
O NENO: Meu Deus! é a Aritmética! 
O VELLO Tica, tica, tica! Once máis seis: vinte e cinco! Catro máis catro: dezaoito! Sete por nove: trinta e tres! 
O NENO: (sorprendido) Sete por nove, trinta e tres? 
OS NÚMEROS: Sete por nove: trinta e tres! etc. 
O NENO: (con audacia) Tres por nove: catrocentos! 
O VELLO: milímetro, centímetro, decímetro,decámetro, hectómetro, quilómetro, miriámetro. Sen fallar! Qué felicidade! Millóns, billóns, trillóns, e fraccións! 
OS NÚMEROS, O VELLO: Dúas billas de auga enchen un tanque! etc. 
OS NÚMEROS: Tres por nove: trinta e tres! Dous por seis: vinte e sete! Catro máis catro?... Catro máis catro?...Catro por sete: cincuenta e nove? Dous por seis: trinta e un! Cinco por cinco: corenta e tres! Sete máis catro: cincuenta e cinco! Catro máis catro: dezaoito! Once más seis: vinte e cinco! 
O NENO: Oh! Miña cabeza! Miña cabeza!

12 abr. 2013

Toulouse

José Ramón Doval, Aarón, Marta, Ana, Andrea, Lucía, Cristina, Iria e Francisco

Parabéns, unha vez máis os nosos alumnos de 4º ESO bilingüe dirixidos por Doval gañan o rally matemático sen fronteiras na fase galega,  a final desta competición Europea o 17 de maio en Toulouse.

11 abr. 2013

sandalia Möbius




A empresa United Nude naceu no ano 2003 da man do arquitecto holandés Rem Koolhaas e do zapateiro inglés Galahad JD Clark.

Esta empresa fabricou as sandalias Möbius, un zapato de culto, que cunha mesma tira une tacón, sola e empeine, formando un todo, grazas a unha banda continua que vai xirando en torno ao pé envolvéndoo, ou sexa que estamos ante unha banda de Moebius  

A sandalia Möbius inspirouse na silla Barcelona do famoso arquitecto Ludwig Mies van der Rohe, neste vídeo podemos ver como o deseñaron.


Eu son de zapatos simples, incluso sen tacón, pero non podo deixar de admirar a beleza desta mestura de deseño e abstracción.

10 abr. 2013

Finalistas no rally


O equipo de oito alumnas  e alumnos de 4º ESO bilingüe: Aarón, Marta, Ana, Andrea, Lucía, Cristina, Iria e Francisco, entrenados polo profesor José Ramón Doval, clasificouse na fase galega do RALLY MATEMÁTICO SEN FRONTEIRAS
 
A seguinte fase terá lugar en Santiago este xoves 11 de abril.

Sorte nese camiño a Toulouse!!!!!!

2013 ano internacional da estatística

Aqui imos celebrar este ano cun  precioso poema de Séchu Sende, copiado do seu blog  Made in Galiza




Se Galiza fosse um lugar de 100 habitantes…


...no 28 por cento dos fogares utilizaria-se a madeira como fonte de energia.
22 persoas estariam em risco de exclusom social e pobreza.
Mais do 21% da povoaçom activa estaria desempregada e o paro feminino duplicaria o masculino.
26 nunca teriam visto um ouriço cacho vivo ou morto numha estrada secundária.
…5 persoas tocariam um instrumento musical.
46 persoas teriam conexiom a Internet.
95 veriam habitualmente a TV
O número médio de tempo diante da TV seria de 2 horas e 34 minutos ao dia.
As 100 persoas tiverom ou terám sonhos eróticos.
6 sonharom ou ham sonhar algumha vez com ouriços cacho.

35 viviriam no rural. 60 trabalhariam no setor serviços. E 10 do agro e da pesca.
16 teriam menos de 20 anos. E 22 mais de 65.
7 persoas practicariam ciclismo de vez em quando.
3 atropelarom ou atropelarám um ouriço cacho na estrada nalgum momento da sua vida.

40 persoas leriam habitualmente revistas do coraçom e 7, revistas culturais.
41 persoas teriam lido um livro no último ano.
19 persoas viviriam em casas com menos de 10 livros e 8 em casas com mais de 500.
6 persoas leriam habitualmente em galego. 59 persoas leriam ocasionalmente em galego.
De cada 100 livros vendidos, 7 estariam escritos em galego.
6 persoas pensariam que os livros podem ser perigosos,
especialmente os que tenhem escritas as palavras
ouriço cacho

O 7% dos nenos e nenas de 5 a 16 anos entenderiam pouco ou nada o galego falado.
O 16 % dos nenos e nenas de 5 a 16 anos saberiam falar galego pouco ou nada.
No 21 % dos fogares todos os habitantes falariam habitualmente só em galego.
No 10 % dos fogares falaria-se só em castelám.
27 persoas nunca pronunciarom estas duas palavras: ouriço cacho.

35 persoas nunca iriam ao cine e 11 persoas iriam ao cine cada mes.
21 persoas iriam ao teatro algumha vez ao ano.
64 persoas iriam a concertos de orquestras nas verbenas umha vez ao ano polo menos.
4 persoas nom bailarom nem bailarám nunca.

38 persoas pertenceriam a umha ou mais associaçons.
94 persoas estariam a favor de determinadas medidas para a proteçom do médio ambiente. 36 persoas estariam a favor de restringir o uso do transporte privado.
9 mulheres e 8 homes de 16 ou mais anos participarom en actividades relacionadas com o médio ambiente no último ano.

3 persoas saberiam que só morrem esmagados 1 de cada 500 ouriços cacho que cruzam as estradas

36 persoas nom votarom nas últimas eleiçons
e quem governa nesse lugar de 100 persoas
só tivo o voto do 24% do censo.

1 persoa cada vez que ve um ouriço cacho esmagado que nom conseguiu cruzar a estrada
entristece-se um pouco mas
sorri polos 499 que si o conseguirom.

4 abr. 2013

Pirámide do Louvre

Pirámide regular de base cadrada, lado da base 35,42 m, altura 22 m, as catro caras son triángulos isósceles, unha mostra máis de armonía (anda por aí a proporción áurea) nesa cidade tan cartesiana e chea de simetrías, pero sobre todo chea de beleza, e que poidemos visitar e coñecer grazas ás profesoras de francés Susana e Blanca que planificaron e organizaron unha viaxe excepcional, moito traballo para as tres profes que fomos, un luxo para os 44 alumnos e alumnas que tiveron a oportunidade de ir e creo que un boa lembranza para todos.
Aquí o vídeo resumo do que fixemos.