9 oct 2013

O recibo da luz

Gráfico do meu recibo da luz do mes de xullo

Esta hoxe o país escandalizado porque non entendemos os gráficos do recibo da luz, coma se iso fora moi  doado.
Vou intentar explicar o gráfico que me mandou Fenosa - Gas natural no mes de xullo deste ano. Coma unha imaxe vale máis ca mil palabras, a cousa está bastante clara, eu en xaneiro non cociño nin poño a lavadora nin prendo as luces, menos mal ca calefacción téñoa de gasóleo así que frío non paso, sen embargo no mes de marzo non sei que fago, debo ter o forno acendido todo o día. 
En fin, ironías aparte, é imposible entender este gráfico por varias razóns, en primeiro lugar no eixe OX non respecta a escala, ás veces hai un mes, ás veces 2, ás veces 3 meses. Ademais é un gráfico de facturación non de consumo, e xa se sabe que as eléctricas facturan cando e como lles peta, así que a imaxe do gráfico non ten nada que ver co meu consumo, ten que ver coas datas en que eles len contadores e co período entre lecturas e ata hai pouco coas estimacións de consumo que a compañía facía. Así que, en resumo, ese gráfico non vale para nada. Non vos preocupedes se non o entendedes!!!
Imos ver se damos entendido o recibo, o mesmo do mes de xullo.
No meu caso teño contratado 3,3 kW que custan 0,059981 euros por kW e día, así que me facturan 58 días que dan un parcial de 3,3x0,059981x58= 11,48 ( por que usarán tantos decimais se queren que a xente entenda os recibos?)
O meu consumo foi de 154 kwh, pero coma deberon subir as tarifas no medio do período, cóbranme 125 kwh a 0,138658 euros/kwh e os outros 29 kwh a 0,140728 euros/kwh o que dá 125x 0,138658= 17,33   29 x 0,140728= 4,08
Cóbranme 1,14 euros polo aluguer do equipo? 
O imposto eléctrico cóbrase en dúas fases, 
·      fase 1: multiplícase o consumo máis o contratado x 1,05113 ( ou sexa todo o anterior agás o aluguer do equipo) (11,48+17,33+4,08) x 1,05113 = 34,57
·        fase 2:  págase o 4,864% desta cantidade 34,57 que queda 1,68
Finalmente cóbrase o 21% de IVE da suma do todas as cantidades anteriores
21% ( 11,48+17,33+4,08+1,14+1,68)= 7,5
total factura 11,48+17,33+4,08+1,14+1,68+7,5= 43,21

Efectivamente a factura da luz pódese entender, se se ten paciencia para manexar miles de números decimais, se se le o BOE para estar ao día de tarifas que cambian cada mes, se se asume que para cobrar impostos dean tantas voltas, .....Pero a pesar de todo, solo son sumas e productos, pódese entender.

Pero entenderíase mellor se non mudaran as tarifas no medio dun período de facturación, incluso se non se mudaran as tarifas 20 veces ao ano como fan ultimamente, entenderíase mellor se non cobraran no mesmo recibo dous impostos e un deles cunha fórmula en dúas fases ben rebuscada, entenderíase mellor con menos decimais, entenderíase mellor si a letra dos recibos fora máis grande.

Eu non vou negar que o nivel en matemáticas en España sexa malo, seguro que o é, pero non por isto, se a xente non entende o recibo da luz a culpa é das eléctricas que fan recibos imposibles de entender, se a xente non da comparado as ofertas de telefonía é porque as empresas de telefonía o queren así, para que o consumidor estea indefenso. Vivimos nun mundo en que as grandes empresas abusan do consumidor  e unha forma de abusar é facer difícil o fácil. Vivimos nun mundo onde a transparencia non existe e complicamos as tarifas ata o infinito para que o consumidor non saiba escoller. A culpa non é das mates.

No hay comentarios: