27 mar. 2017

cousas da escola, cousas da casa

Nestes tempos confusos agradécese cando alguén fala claro; este cartaz, dun xornal educativo de Brasil, puntualiza cousas que parece que deixaron de estar claras nesta sociedade.

No outro extremo,  no da confusión,  está o anuncio de Ikea.

No anuncio, pais, nais e fill@s falan nas “felices ceas” de triángulos, xeografía, gramática, ... mira que non hai temas importantes para falar nas ceas familiares sen falar de triángulos!.

De triángulos xa falo eu na escola, que para algo sei todo sobre eles, para as ceas familiares propoño outros temas:  uso e abuso do móbil, comportamento na escola, imaxe na rede, afectos, sexo, drogas e se queredes de rock and roll, … pero o  dos triángulos é cousa miña.

Claro que está de moda menosprezar a escola coma fai este anuncio de Ikea. Non creo que Ikea emita este anuncio nin en Suecia, nin en Finlandia nin en Noruega. Aquí si, aquí vale todo para ganarse aos pais e nais e aos moz@s, ata darlle a culpa aos deberes de non ter tempo as familias para relacionarse, supoño que terá máis culpa o horario laboral dos pais e nais en empresas coma Ikea ou as múltiples e diversas actividades dos rapaces.

En fin, haberá diversos motivos para que as familias non teñan tempo de relacionarse,   pero non culpen a escola, o alumnado sae ás 2 e 10 de mediodía do centro e dubido que teñan máis dunha hora de deberes, mira que non queda día!!

23 mar. 2017

Calculus Rhapsody



Aquí uns mozos pintando a mona coas mates. Mágoa que non sei inglés e non me queda nada claro se cantan ou non con propiedade estes dous mozos, pero  están divertidos.
Ánimo coas integrais!!!! apagade os móbiles e practicade, a integrar se aprende integrando!!

21 mar. 2017

Bon voyage!

Case ao comezo da miña vida laboral, no 1990, nun claustro do IES Ribadavia escoitei algo que aínda hoxe subscribo, “as viaxes a Salou xa as ofertan as axencias de viaxes, un instituto debe ir máis alá, debe ofertar outro tipo de viaxes”, díxoa Xose Lois Darriba, profesor de Física e Química, a mente máis lúcida e xenerosa que atopei na miña profesión. 
Dito e feito, atopeime tardes enteiras rodeada de alumn@s do Ribeiro facendo perfís de etapas nun mapa topográfico para percorrer a pé a Ribeira Sacra con 50 alumn@s, atopeime facendo a megacompra nun super, mercando comida para sobrevivir 5 días na Serra do Invernadoiro con 30 alumn@s da Farixa, lémbrome facendo os turnos de cociña e fregado no albergue e mesmo dando instrucións de como cocer os macarróns, lémbrome exercendo de enfermeira de campaña curando vinchocas nos pés dos alumn@s tras km de camiñata pola Ruta medieval do viño desde Ribadavia a Santiago, lémbrome mercando billetes de tren e de bus para ir a Córdoba e Sevilla con 11 alumn@s, pois non queríamos que o reducido número de alumn@s de Bacharelato de Farixa fora un impedimento para poder viaxar, lembro convertendo o proxecto interdisciplinar de 1º de ESO nun “aprendendo todo sobre Cantabria”, literatura, historia, xeografía, cancións, … para poder despois visitala con coñecemento de causa co alumnado do Otero, lembro as cañas co alumnado de ciclos da Farixa, cando fomos recoller a negrura que deixara o Prestige, antes de ir durmir ao duro chan do pavillón da Serra de Outes, e lembro mil chamadas de planificación para garantir os sitios onde durmir, os de xantar, os autobuses, revisar que o botiquín estea ao día, recoller datos e teléfonos de pais e nais para as emerxencias, as noites en garda para que houbera unha mínima orde, sempre facendo números para que non saia cara, convencendo aos pais da importancia de que deixaran ir aos seus fillos, …. 
Estou segura que sempre serán as mellores lembranzas da escola para eles e quizais tamén para min. 
A planificación dunha viaxe son horas e horas de traballo que non contan en ningún lado, non están na nosa xornada laboral, a responsabilidade de saír con adolescentes polo mundo non ten prezo, só se fai se realmente sabes o importante que é para a educación. 
Nas últimas viaxes que fixen no Otero, só tiven que ir de acompañante, non participei na organización, outros o fixeron por min: Cacheiro cando fun a Asturias, Mª Xosé Camba cando fomos ao Xurés, Blanca e Susana cando fomos a París, pero aínda así sempre intentei aportar algo, ademais de compartir o traballo na propia viaxe e a responsabilidade e coidado do alumnado.
Por desgraza agora está de moda que as viaxes escolares as organicen as axencias, non é o mesmo, é máis cómodo, máis caro, máis homoxéneo, menos interesante, aí xa non hai labor educativo, aí te convertes nun vixiante de alumnos, non é a túa viaxe; non lle vexo interese, ao alumnado válelle igual pero a nós non nos debía valer. Tamén escoitei defender o de Salou porque é o que quere o alumnado, pero non é o alumnado quen ten que decidir iso. Tempos confusos!!! Eu sei o que traigo entre mans, por iso nunca fun a Salou.
Fálase ás veces de que vaian os pais ás viaxes, pois non, non ten sentido que vaian os pais, a non ser que non vexamos nada educativo nelas, ou non facemos viaxes ou debemos ir o profesorado, claro que iso esixe xenerosidade pola nosa parte, xenerosidade que o alumnado merece pero que a administración non merece. 
Xenerosidade e traballo hai tras da viaxe a Francia que inicia mañá o alumnado de francés de 1º de bacharelato, xunto co alumnado de Xinzo realiza un intercambio cun instituto de Quintín, na Bretaña francesa, coa posterior visita a Paris. 
Bon voyage!

Comparto o mellor exemplo disto do que estou a falar, parte do traballo, a maior parte é invisible, realizado por Mª Xosé Camba para unha viaxe escolar.



video 
Viaxe ao Xurés 1º ESO, xuño 2009, profesora Mª Xosé Camba

16 mar. 2017

¡EH, TÚ !

Este foi o primeiro síntoma, cando o ouvín  reiteradamente souben que se estaba abrindo a brecha, supoño que a xeracional, xa non era a "profe", xa non era Conchi, nen sequera Conchita.
postal que me fixo Chus, unha alumna de 1º ESO
Usei as miñas armas: facer que non oía e non contestar ata que me chamaran da forma axeitada, dei as explicacións pertinentes sobre coma debe ser o trato entre persoas e o trato entre profesor@s e alumn@s, finalmente botei a gran bronca. Pero nada de iso tivo a forza do “EH, TÚ”.

Así foi como abandonei o difícil e traballoso mundo da ESO e funme ao Bacharelato nocturno!!

Xa pasaron catro anos, non sei como van as cousas por alá abaixo, no día, nas mañás, espero que non avanzaran esas formas.

O nocturno é unha illa dentro do ensino, aquí case recuperei o nome e cambiei de título, agora son Conchi e son profesora, para os que me coñecen, non todos!. Aquí temos moito alumnado transeúnte, que vai e ven e non ten ocasión de saber o nome do profesorado. Estráñase aquilo tan agarimoso de profe, pero librarse do “¡EH, TÚ!” non ten prezo.

Polo demais, non sei en que momento o alumnado deixou de saber os nomes dos profesores que lle dan clases. Tampouco sei en que momento apareceu o ¡Eh, tú!, pero como di Labordeta,  ¿qué hacemos ahora?

8 mar. 2017

Iguais?

Hoxe 8 marzo pouco que celebrar, máis ben insistir en que temos dous grandes asuntos pendentes: acadar a igualdade real entre home e muller (dereitos, salarios, traballo dentro e fora, trato,...) e parar a violencia machista.
Igualdade?  teño a sorte de traballar nun sector moi igualitario: accedemos ao ensino secundario coa mesma titulación, co mesmo sistema de acceso,  ao mesmo posto de traballo, co mesmo salario, con iguais obrigas, os mesmos dereitos, con iguais funcións, ... e ademais contamos coa sensibilidade de case todo o profesorado, pero.... pero a realidade é teimuda.
No meu centro somos 58% profesoras, 42% profesores,  titoras 64%, titores 36%. Elección? non, nomeamento, diferenza sutil, 6 puntos, parece que a labor máis ingrata do profesorado é mellor que a fagan as mulleres. Tamén hai pequenas diferenzas nos cursos que impartimos, curiosamente a maior presenza de mulleres por nivel prodúcese en 1º e 2º de ESO. Non son diferenzas escandalosas, estamos nunha profesión femeneizada, pero coidado con pensar que hai igualdade, nona hai.
No equipo directivo non hai ningunha muller, de seis persoas con funcións directivas ningunha muller. O equipo directivo, no noso centro, está nomeado pola administración, xa, pero a administración nomea homes. Esa administración que encherá a boca con discursos de igualdade, nunca a usa como criterio nos nomeamentos. Que dicir do que transmite?  quen dirixe? os homes.
Tamén hai que falar do trato na aula, en xeral eu non tiven problemas nas aulas,  pero cando tiven alumnado con doses de violencia ou agresividade sempre tiven a percepción de que esa violencia o alumno ou a alumna  manifestábaa  máis frecuentemente nas aulas impartidas por mulleres que nas aulas impartidas por homes, nunca me estrañou, a aula é un reflexo da sociedade e moitas veces o alumnado só reproduce o que vive no seu entorno, ás veces a agresividade que nas casas soportan as mulleres, eles ou elas queren exercela na aula contra as profesoras. Triste e duro para moitas de nós.
Despois destas pinceladas sobre a igualdade no meu traballo, sobre a violencia vou usar unha frase dunha alumna do centro, frase tan dura como a vida de moitas mulleres "a sociedade moléstalle máis unha muller libre que unha asasinada".