9 may 2017

Redondeo


Conversa no corredor cunha alumna de 2º bacharelato que case nunca veu á clase:
alumna:  Profesora, con que nota aprobas? redondeas?
eu: cun 5.
alumna: e que só vou suspender a túa.
eu: xa, é o que ten abandonar unha materia,  normalmente se suspende.

As notas que hai que poñer na acta final son números enteiros e as notas dos exames xeralmente son números decimais, así que non queda máis remedio que redondear.
Polo tanto, eu redondeo, ademais son unha fervente defensora do redondeo, con criterios matemáticos e/ou pedagóxicos.
Pero non nos enganemos, cando se abandona unha materia nin con redondeo se aproba. 
Claro que é moi duro quedar sen o título ou sen ir ao selectivo por un suspenso, pero iso hai que pensalo antes, cando un alumno ou alumna abandona está tomando unha decisión con consecuencias moi graves, daquela non pasedes a pelota á profe, a pelota está e estivo no voso tellado e vos decidistes. Non suspendedes a miña asignatura, suspendedes a asignatura que abandonastes.
Na conversa con esta alumna, tamén saíu o de si era ou non obrigatorio asistir á clases. O nocturno non é ensino a distancia, nin ensino libre, é presencial, co que é obrigatorio asistir á clases, outra cousa é que como o alumnado é adulto non se faga moito fincapé neste tema, xa que por exemplo xustificar as faltas non ten sentido, pero todo adulto debe saber que non é o mesmo ir á clases ou non ir, non polo tema administrativo, se vas á clases aprendes e se non vas non, é moi simple!!!
No nocturno hai alumnos matriculados,  alumnos que eu non coñezo, se se presentan a algún exame avaliareinos con criterios exclusivamente matemáticos, nese caso ao 5 non se chega redondeando, nese caso o 5 é a nota mínima para aprobar.

Pero hai outros/as que  durante este curso si foron “meus alumnos, miñas alumnas”:
  • aqueles que ao longo do curso atenderon as miñas explicacións.
  • aqueles que ao longo do curso preguntaron dúbidas na aula e fóra dela.
  • aqueles que sufriron a dificultade dalgúns exames.
  • aqueles que sufriron os suspensos ou que celebraron os aprobados.
  • aqueles que seguiron ou non os meus consellos pero que os escoitaron.
  • aqueles que intentaron traer os problemas feitos.
  • aqueles que intentaron facer os problemas na aula.
  • aqueles que seguiron a evolución da materia.
  • aqueles que corrixiron os exercicios na aula. 
  • ...............................
  • en definitiva, aqueles que viñeron á clases.

Destes teño máis datos que o número dun exame, deles teño moitos números e algunhas letras, así é máis doado redondear.

Aclarado o evidente, SORTE A TODOS E TODAS (aos meus e aos de outros) NOS EXAMES FINAIS!!!